Gallego!!

blog0919

Reproducimos aquí unha nota dun colectivo que, gratuita e ironicamente, reflexionan sobre os feitos actuais (e pasados) da lingua e da cultura. Algo poderemos aproveitar das súas palabras ….

Disidentes en galego.
Ante a situación actual da cultura en galego, cómpre formar unha asociación de disidentes en galego.
Os disidentes en galego discrepamos, por un lado, dos que sosteñen que o galego é unha lingua de pouca categoría, aceptable se o seu uso queda subordinado ó castelán na Península Ibérica e ó inglés no mundo en xeral. Por outro lado tamén discrepamos dos que sosteñen que falar galego é un deber patriótico na necesaria construción permanente da nación galega, e dos que opinan que o castelán non é unha lingua galega malia levar séculos de uso con moitos falantes nativos na Galicia.

Así que os membros da asociación informal e gratuíta “Disidentes en galego” reivindicámolo noso dereito a disentir de todo isto. E, por suposto, disentimos do monopolio fáctico exercido polos nacionalistas galegos sobre a cultura en galego, e sobre todo tipo de subvencións e apoios económicos á creación en galego.

Un nacionalista español, por exemplo un típico militante do partido “Unión, Progreso e Democracia”, pode falar ou escribir en galego e non por iso cambia de ideoloxía. Igual que un nacionalista galego independentista non deixa de ser arredista cando fai propaganda en castelán do seu proxecto político.

Pra nós, que queremos unha cultura en galego máis ceibe, máis ampla, máis interesante internacionalmente, cómpre salientar con serenidade e claridade que unha lingua é só un xeito de falar, que non leva implícita ningunha ideoloxía, especialmente que falar galego non implica ser nacionalista galego, nin de esquerdas nin anticapitalista. O galego é pra tódolos que pretendan falalo. Mesmo prós que din que a Galicia non é unha nación, senón só unha rexión española.

Admítense tódalas opinións se van en galego.

Marzo 2, 2010 | Dejar un comentario