7ª razón para ler o xornal na clase: saberás que poñen no cinema, na tele e moitas máis cousas que che interesarán
Lunes, mayo 9th, 2011
Aínda que estamos rodeados dun verdadeiro tsunami de datos sobre aquelo que nos pode interesar, o xornal aínda nos ofrece información seleccionada e de calidade sobre cuestións de actualidade como poden ser as artes, o cinema, a televisión, a moda ou calquera outro tema que nos motive. Faino tamén coa máxima calidade informativa xa que tradicionalmente conta con xornalistas especializados nestas cuestións que ofrecen fiabilidade nas súas críticas de espectáculos, das artes ou do aproveitable na grande e desigual oferta televisiva.
Por iso a carteleira ou a parrilla da programación televisiva son das seccións máis consultadas nos xornais tanto en papel como en internet e pódennos orientar sobre a calidade dos estrenos da semana que, como mostran as valoracións da imaxe da esquerda, poden non pagar a pena e os 7 euros da entrada.
E como o interese do alumnado por estes temas soe emparellarse coa súa motivación, temos aquí un nicho estupendo para crear unha sección no noso blog que toque estas cuestións. Unha sección de crítica de cine, de televisión, de deportes, de literatura infantil e xuvenil ou de moda basadas na imitiación dos modelos xornalísticos serán sempre unha estupenda ferramenta para motivar ao alumnado. Ao mesmo tempo irán desenvolvendo as súas competencias mediante a busca e o tratamento da información que vaian colleitando na prensa, na rede e, incluso, no seu entorno máis inmediato.




Quen de neno non recorda algunha conversa na que lle apetecería participar, pero non o facía porque os maiores parecían ter en exclusiva a chave da información? Meu abó lía de cabo a rabo a Voz todos os días e despois intercambiaba parte desa información no Café con xente como el; e eu empecei a imitalo case sen darme conta ata que co tempo fun quen de acompañalo no comentario da actualidade.
A última das competencias básicas, Autonomía e iniciativa persoal, é tamén un dos obxectivos últimos do proceso educativo: conseguir que o alumnado acade independencia de criterio á hora de reflexionar sobre a actualidade de xeito crítico ao tempo que ben informado e armado coas ferramentas que lle dan as outras sete competencias.



