Tiven a sorte de compartir unhas horas con Carlos Casares nun sitio alleo para os dous alá por 1988, o ano que comezou a escribir os seus artigos de opinión “Á marxe” na Voz de Galicia. Era Providence, a capital do estado máis pequeno dos Estados Unidos de Norteamérica, Rhode Island, e a ocasión o II Congreso de Estudios Galegos no que ambos participábamos e que tivo lugar na Universidade de Brown, situada nunha colina que dominaba unha pequena cidade de Nova Inglaterra.
El chegaba de Vigo para pasar uns días entre nós e eu acababa de chegar para cursar estudos de doutoramento. Como profesor de instituto fora compañeiro de centro do pai da miña compañeira viguesa Loló Reyero e, como aínda estes trebellos de internet eran para entonces aínda ciencia ficción, encomendáranlle traerlle á filla un paquete en man, de Vigo a Providence.
Ese era o tipo de persoa que era Carlos, próximo, modesto, falangueiro e moi divertido. Non importaba que daquela fora unha das figuras máis importantes da literatura galega ou que dirixira a Editorial Galaxia. Conforme subeu no coche de terceira man que fun quen de mercar para sobrevivir nun mundo sen peóns e cun pésimo sistema de transporte público, un Volvo 245 de 1978 roxo acastañado, sentouse ao meu lado e despois de mirar para riba e comprobar que faltaba a cuberta interior dun teito solar selado con silicona, esforzouse en loubar o bos que eran eses coches da terra da súa muller para un inverno crudo como o de Providence. Esa foi a súa maneira de desexarme boa sorte co novo coche vello e co inverno de Nova Inglaterra.
De camiño ao hotel Biltmore para entregarlle o paquete a Loló comezou unha historia que ningún de nós oíra antes e que nos levou engaiolados baixando a costa, aparcando o coche na praza Kennedy e subindo ao seu cuarto. Era un conto de cando se enclaustraron un grupo de escritores galegos nun mosteiro e o camisón que el acostumaba usar desde que o descubrira en Suecia desaparecera do seu cuarto a primeira mañá. Á hora da comida Marina Mayoral preguntoulle, coa prenda na man e cun sorriso nos beizos, se era súa. Tras confirmarllo, e despois de usar o camisón outra vez pola noite, volveuse repetir a escea e transformou o sorriso en case gargallada ante a discreta e mal pensada acción dalgún dos monxes, que non entendía ese costume importado por Casares desde a terra da súa muller.
Ante a nosa divertida reacción ao seu conto, Carlos engadía que durmir co camisón era moi cómodo e que non estaba disposto a abandoar os seus hábitos nocturnos por moitos frailes malpensados que houbera no mundo. Non paramos de rir e comentar a anécdota até volver a montar no Volvo e cada verán, de volta a Galicia, convertinme en asiduo lector dos seus artigos na sección “Á marxe”, recuperando a diario o sorriso compartido en Providence.
O pasado día 9 de marzo a Voz ofreceu aos seus lectores unha manchea desas perlas para recordar ao escritor ourensán no décimo aniversario do seu pasamento, pero para os que se perderon a oportunidade de telo outra vez na man en papel, pode consultar as historias de Carlos Casares nun medio, o blog, no que volve a deleitarnos cos seus contos baixo o título Á marxe do tempo.
Para afondar un pouco máis na súa figura, La Voz de la Escuela adícalle hoxe unha páxina que pode servir como punto de partida para achegarse a eses contos humanos e cheos de humor que saliron do seu maxín:
Dez anos sen Casares.La Voz de la Escuela.21.03.2012