Entradas etiquetadas como ‘Mellor blog do mes’

“Pasamos de todo” é o mellor blog do mes de abril

viernes, mayo 20th, 2011

Como peche desta semana das Letras Galegas estamos encantados de anunciar que “Pasamos de todo“, bitácora dun pequeno grupo de reforzo de sete alumnos e alumnas de 1º de ESO do IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia (Ourense), ven de converterse no mellor blog de abril.

O xurado resalta o esforzo que se fai para atender á diversidade dun xeito alternativo e motivador para o alumnado. Fálase o seu “idioma” desde o principio, incitanto ás alumas e alumnos a crear perfís ideados á maneira de “alias” con candanseu “avatar”, que estes utilizan como o farían en calquera outro medio dixital, incluídas as redes sociais. Outro instrumento para saír do camiño dos libros de texto é a utilización eficaz de recursos como o vídeo para tratar temas de moita actualidade, aproveitando o fío condutor das conmemoracións diarias e semanais.

Este verdadeiro espiñazo do proxecto da pé a que alternativamente a profesora Eva Agromayor Cid faga propostas motivadoras, cargadas de información atractiva para o seu alumnado, e que estes, pola súa parte, completen unha investigación que utiliza as entradas da profesora como modelo, pero aportando cada un a súa creatividade e amosando temas que verdadeiramente lles interesan.

Aproveitamos tamén esta ocasión para recordarvos que aínda queda por decidir o gañador do mellor blog de maio e o mellor caderno dixital do ano, polo que vos animamos a facer ese esforzo final que vos leve a convertervos na bitácora máis atractiva e de maior calidade. Como podedes ver no exemplo de “Pasamos de todo“, o esforzo paga a pena e os premios para todos podedes volvelos a consultar a continuación nas bases do concurso:

Como se pode comprobar neste blog gañador do premio do mes de abril, o título debería cambiarse ao pasado, porque quizáis “pasaran” de todo ao principio, pero agora non hai dúbida de que, a través dos seus “avatares”, os 7 alumnos e alumnas de reforzo de 1º de ESO do IES Cidade de Antioquía pasan polo calendario celebrando que cada día hai algo que aprender. Noraboa!

Mellor blog de xaneiro: A nosa Voz, do CEIP Curros Enríquez de Ourense.

Mellor blog de febreiro: Nauta, do CEIP Curros Enríquez da Coruña.

Mellor blog de marzo: Matemáticas diarias en Trazo 2º, do CPI de Viaño Pequeno de Trazo (A Coruña).