Entradas etiquetadas como ‘Traballo por proxectos’

Roberto Vidal Bolaño máis aló do Día das Letras Galegas

jueves, mayo 16th, 2013

Roberto Vidal Bolaño é o primeiro dramaturgo homenaxeado no Día das Letras Galegas. Esto significa que o medio de expresión artística que elexiu o autor santiagués vai máis aló das páxinas das súas obras en papel. O teatro é , desde os seus inicios, unha representación, un espello da vida. Esta mímese require dun espazo escénico que, no día antes da conmemoración oficial, propoñemos como proxecto para levar máis aló do texto escrito ou da imaxe estática a mensaxe artística de Vidal Bolaño.

A vía que posiblemente escollería o propio Roberto se tivera ante si a posibilidade de levalo a cabo nunha aula ou nunha escola, sería poñer en danza a todo o alumnado disposto a seguilo nunha aventura teatral. Ben cun texto propio ou composto en colaboración polo alumnado, o mellor xeito de facerlle unha homenaxe a un home de teatro como el sería sentir en carne propia, cada un dos alumnos e alumnas da aula e adaptándose ás habilidades e gustos de cadaquén, o proceso de creación dunha proposta escénica.

Un paso máis aló sería imaxinar a Roberto na actualidade e, posto no seu lugar, ir creando unha obra propia que tratara temas como a indignación do 15M e da maioría da poboación dos países do sur de Europa; a corrupción política e social; o insólito roubo do Códice Calixtino e das esmolas da Catedral de Santiago a mans dun electricista metódico á maneira dun dos tipos teatrais de Molière; o modelo económico e político da sociedade tanto galega como española, europea ou mundial; as novas dinámicas de comunicación e interrelación que os medios tecnolóxicos están creando… Sobre todo, cando un dos obxectivos principais é desenvolver competencias básicas como o espíritu crítico e a autonomía persoal.

Se o alumnado está na franxa máis baixa de idade, Vidal Bolaño ten tamén textos para os máis pequenos como Touporroutou da lúa e do sol, Ruada das papas e do unto ou Xáxara, Peituda, Paniogas, Tarelo, o Rapaz e o Cachamón, ou como trocar en rato pequecho o meirande xigantón. Proxectos que poden servir de modelo para propostas de creación de títeres, máscaras e monecos, acompañados de música e ritmos creados polos propios nenos e nenas. Unha posta en escena do alumnado de primaria e incluso de infantil pode converterse na máis fermosa homenaxe a Roberto Vidal Bolaño partindo desta primeira celebración no Día das Letras Galegas da obra dun autor teatral cunha produción extensa e moi orixinal.

Feliz Día das Letras Galegas a todo o mundo e moita sorte e ánimo nos vosos proxectos teatrais! Non vos esquezades de deixar constancia de todo o proceso no voso blog, espazo propicio para o traballo compartido, para converterse en caderno escénico e en escaparate de documentos como o texto teatral creado e, incluso, o making of de todo o proxecto ou unha gravación da representación o día da súa estrea.

Deixámosvos hoxe coa homenaxe realizada a Vidal Bolaño no número do mércores 15 de maio en La Voz de la Escuela e que inclúe propostas (páxina 2) como o concurso de EducaBarrié “Agasallo de luz”, no que se propón ao alumnado a elaboración e posta en escena dun texto teatral mediante unha webquest:

Día das Letras Galegas 2013. La Voz de la Escuela. 15.05.2013

Roberto Vidal Bolaño nos vosos blogs durante a semana das Letras Galegas

lunes, mayo 13th, 2013

O proxecto de traballo cos vosos blogs esta semana circulará, posiblemente, arredor da figura do dramaturgo santiagués Roberto Vidal Bolaño (1950-2002), autor homenxeado este ano no Día das Letras Galegas.

Por iso o post de hoxe non é só un trampolín, unha lanzadeira que se propón axudar a botar a andar o voso proxecto de traballo co blog na aula, senón tamén un escaparate do estupendo traballo que se está a facer nos nosos centros educativos. Esta vez traeremos a estas páxinas dixitais unha mostra de productos do traballo por proxectos de varios centros con vocación de ir un pouco máis alá, de desenvolver verdadeiramente a creatividade e as múltiples competencias do alumnado, de ir directamente ás fontes da información partindo dun interés polo entorno máis próximo e de investigar máis a fondo mediante o traballo cooperativo.  Esta colaboración é a que, por quinto ano consecutivo, trae a este espazo o cada vez máis perfeccionado Telexornal do Día das Letras Galegas, realizado polo equipo de traballo do CPI dos Dices, de Rois (A Coruña):

Un traballo que este ano tamén se complementa cun estupendo documental sobre a obra do homenaxeado:

Outro exemplo de traballo cooperativo, pero esta vez realizado por equipos de profesorado, é o que teñen colgado na web os integrantes do Seminario Galán, procedentes de 13 centros da provincia da Coruña:

Unha última mostra, coa que pechamos hoxe, témola no traballo do equipo do IES Concepción Arenal de Ferrol:

Sexa como fora o voso camiño de investigación e a selección que atopedes máis axeitada para colgar o(s) produto(s) do voso traballo, o blog é o espazo ideal para facelo.

Unha boa semana das Letras Galegas a todo o mundo!