Os réptiles, animais pertencentes á clase Reptilia, son un grupo de vertebrados amniotas e tetrápodos que teñen escamas ou diversas estruturas córneas na pel. Trátase dun grupo de animais que comprende non só todos os réptiles que existen hoxe no mundo senón que inclúe ademais algúns outros grupos que foron moi abondosos no pasado e que logo desapareceron durante o proceso evolutivo como son, por exemplo, os dinosauros.
Réptil significa “que repta”, é dicir que pode arrastrarse. Esta non é unha característica universal deste grupo de animais xa que algúns non se arrastran senón que por exemplo teñen patas para o seu desprazamento (exemplo: lagartixas ou tartarugas).
A parte da zooloxía que trata dos réptiles leva o nome de herpetoloxía e tamén inclúe o estudo dos anfibios.