Mirada sen nostalxia
Posted by miriamlopez on mayo 14, 2010
MIRADA SEN NOSTALXIA
Alumnado das ensinanzas básicas iniciais- Nivel II de educación de Adultos. Noia
Moitos de nós apenas fomos á escola cando eramos nenos/as. Os tempos eran duros e había que atender a outras necesidades como o traballo en casa, coidar os animais, emigrar… A nosa memoria colectiva lévanos a aquelas pequenas escolas de aldea onde os nenos e nenas estabamos separados en aulas e patios de recreo diferentes. Os rapaces xogábamos a xogos de nenos e as nenas a saltar á corda ou outros xogos só aptos para mozas.
Para ben ou para mal, o tempo pasa e as cousas van cambiando. Moitos de nós estamos xubilados e agora dispomos do tempo que antes a vida nos negou e queremos aproveitalo para seguir estudiando porque, aínda que xa sexamos maiores, non significa que teñamos que deixar de aprender.
Noia é unha vila pequena e, a maior parte de nós decatámonos destes ensinos polo “ruxe-ruxe”. A primeira vez que viñemos ao IES, fixémolo con certo temor; non era fácil para nós o reencontro coas aulas. Facía moitos anos que non pisabamos unha clase…xa non lembrabamos como eran os bancos da escola.
Ao principio chegamos un pouco perdidos pero aos poucos días pareceunos que foi o mellor que fixeramos porque, a maioría, cando saímos da escola sabiamos o básico: ler, escribir e pouco máis e, co paso dos anos, o pouco que sabiamos fóisenos esquecendo. Para todos, o feito de volver ao colexio é motivo de satisfacción e orgullo.
O primeiro do que nos decatamos foi que hai moitas formas de aprender distintas ás que coñeciamos. Non só usando os libros senón que, a través do uso da prensa e, sobre todo, das novas tecnoloxías, atopamos moitas respostas ás nosas dúbidas, atopamos moitas respostas ás necesidades que nos van xurdindo a cotío. Para nós, esta forma de aprender é algo novo. O Traballo conxunto, o uso de internet, as experiencias e recordos dos compañeiros de máis idade fan que o que aprendemos teña un especial significado.
Este curso estamos a traballar nun proxecto común con outros seis países europeos; Un dos nosos obxectivos, é facer unha guía non-oficial da nosa Vila.
Sobre Noia e a súa historia escribíronse moitos libros pero, outra maneira de coñecer esta fermosa vila é a través deste proxecto no que, con moito esforzo, estamos traballado todos os alumnos do nivel II de educación de adultos buscando información en libros ou en internet, a través da boca a boca e das lembranzas. Estamos a porlle moita ilusión, porque en xeral tanto os que somos de aquí como os que non, amamos esta vila e as súas xentes, as súas historias cheas de vida e superación que nos deixarán a súa pegada para sempre.
Esta “guía” é a “nosa guía”, a “nosa historia”, unha crónica contada por persoas que traballamos a pé de rúa, a pé de tixola…porque tamén queremos que a nosa gastronomía, esa que reservamos para as nosas celebracións, coñézase en Europa e no mundo porque o noso traballo, xunto co dos demais compañeiros europeos, está colgado na dirección: http://users.sch.gr/Vigklas/
A parte de estar a aprender cousas que non puidemos cando eramos nenos, estamos a descubrir moitas outras curiosidades da historia do noso pobo, como que, no pasado, tiña murallas, que había que pagar nos fialatos para entrar nela e vender os productos que levaban que levaban.
Aprender, non só consiste en fixarse en cousas afastadas e alleas; o que temos diante dos ollos, no día a día, tamén é importante. Moitos de nós non entendiamos por que se lle puña o nome de alguén a unha rúa. Cantas persoas paran a preguntarse o por que unha rúa chámase así e quen era esa persoa? Agora, pómonos ao día nestes e outros asuntos porque, a través de internet, obtemos respostas axeitadas para todas estas preguntas; grazas a iso, puidemos saber quen foi María Mariño, Castelao, o Corvo Farruco, o xuíz Falcone, o “Sinvergüenza, ou que Sebastián do Campo foi un navegante de Noia que circunnavegou a illa de Cuba no ano 1508. En fin, nunca é tarde para aprender…
E nunca é tarde para coñecer a xente nova doutros países, para viaxar e achegarnos ás súas culturas, historia, gastronomía e tradicións. Para coñecer ” a súa intrahistoria”, as historias desa xente valente que pelexou polo seu como algo propio.
A nosa “Guía Non-oficial” son as “Guías non-oficiais” dunha xeración enteira…a xeración de europeos que pensa que un sempre é xove para disfrutar da vida a tope.