subscribe to the RSS Feed

Wednesday, May 22, 2013

Existe a xustiza?

Posted by albaburke on mayo 4, 2010

Hoxe en día, vivimos nunha sociedade na cal a xustiza está en xaque mate continuo. Frases como “non hai xustiza”, “queremos xustiza” e moitas outras son expresións que se oen diariamente. Isto faiche preguntar: Que é a xustiza? Se buscásemos no dicionario atopariamos a seguinte definición: calidade ou virtude de proceder ou xulgar respectando a verdade e dando a cada un o que lle corresponde. Pero esta definición non é máis que unha parte das distintas acepcións que esta sinxela e complexa, á vez, palabra ten.
A primeira concepción de xustiza que houbo na historia tivérona os primeiros filósofos, en Grecia. Esta foi a de que algo é xusto cando a súa existencia non interfire coa orde ao cal pertence. Con todo, os sofistas non tiñan esta idea de xustiza. Eles pensaban que o xusto e o inxusto era todo aquilo que se acorde así, é dicir, estimaron que a xustiza é por convención, polo que non atopaban ningunha relación entre a xustiza e a felicidade.
Pola súa parte,Trasímaco, un sofista de Grecia que aparece nun diálogo de Platón chamado A República, defendía que a xustiza era só o que aproveitaba ao máis forte e era obedecido; puxo en cuestión o sentido das Leis do Dereito e da Xustiza. Él dicía que unha democracia só era unha forma encuberta de manter os privilexios dos poderosos, cando decidimos vivir desta maneira, apoiando a igualdade e a liberdade entre todos os cidadáns, estamos a ser enganados. Pero, por que?

 Ben, pois os poderosos sempre atopan unha maneira para ter máis privilexios, fannos crer que todos somos iguais pero eles séndoo máis que nós. Por exemplo, todos temos que pagar impostos, pero, con todo, uns pagan menos que outros, como os futbolistas estranxeiros en España ou as grandes empresas. Ademais non é o mesmo que teña que pagar unha certa cantidade de diñeiro unha persoa de clase media que unha persoa que é rica, o segundo non se dá nin conta. A fundación Rockefeller por exemplo, paga menos impostos que os cidadáns en Estados Unidos. Isto é porque como é a empresa que máis petróleo extrae e vende nese país, xera gran cantidade de riqueza, por tanto, non ten que pagar tantos impostos como un obreiro da construción, por pór un exemplo. O que Trasímaco quería dicir é que talvez nos venden como legal e xusto o que no fondo non é máis que unha forma de dominación.
No diálogo de Platón, Sócrates, outro filósofo ateniense desa época, enfrontouse a Trasímaco defendendo que as leis deberían ser escritas para aqueles que son menos poderosos e desta maneira traballar na igualdade. Segundo Sócrates os tribunais e os gobernos están para defender aos máis débiles dos poderosos. Os exemplos tamén son numerosos neste sentido: as tabacaleras tiveron que pagar unha gran cantidade de diñeiro aos sistemas de sanidade para compensar polas enfermidades provocadas polos produtos; ou os mil exemplos que saen a diario nas noticias dicindo que os tribunais conseguiron finalmente impor a xustiza. Sócrates diría que os casos de corrupción son máis numerosos e sobre todo máis escandalosos, pero o certo é que as leis e a xustiza son precisamente para protexernos dos excesos dos máis poderosos.
A ética e a xustiza son dous temas claramente distintos, pero teñen un gran punto de conexión. Hoxe en día, a xustiza está rexida polo dereito, e existe unha gran carga de ética no dereito. Queda claro que non podemos entender a xustiza sen entender ao dereito. Unha famosa definición de xustiza é a de Ulpiano, un xurista romano de orixe fenicio: unha vontade constante e perpetua de recoñecer a cada cal o seu dereito. Con isto introducimos na nosa discusión sobre a xustiza, o factor desta, polo menos nos nosos días, o dereito.
Hoxe en día a maior parte dos Estados están baixo o réxime democrático, onde a xustiza está en mans do Estado, quen a través de todos os medios xurídicos, establece as liñas da xustiza. Pero estas leis positivas non necesariamente son xustas para todos… No curto prazo, o xusto e o inxusto vai ser unha decisión dalgúns poucos, pero debemos mirar máis aló, porque somos nós, os que hoxe nos estamos instruíndo, os que mañá imos determinar a xustiza, e quizá para aquel entón, un ideal platónico estea máis preto.