Foro de profesores
Posted by mlorenzo on mayo 8, 2010
O VALOR DAS HUMANIDADES
Mª Victoria Couto Vaamonde
Fai xa bastantes (demasiados) anos que os estudos de Humanidades arrastran un inxusto descrédito social e ata académico, unha mala prensa que os tacha de pouco útiles para o mundo laboral, saberes prestixiosos noutro tempo que pouco teñen que decir ao home moderno. En consecuencia, considéraselles inferiores aos estudos científicos e pouco recomendables para os estudantes máis destacados ou con miras elevadas. Contribúe a iso a tallante división Ciencias/Letras, que opera tanto na organización escolar como nas nosas cabezas, impedíndonos ver as influencias entre as diversas disciplinas de estudo e establecer relacións de proveito entre os variados ámbitos do coñecemento.
Quen nos dedicamos aos estudos humanísticos con frecuencia resignámosnos a tal estado de cousas, sen compartilo pero tamén sen combatelo de xeito eficaz ante a opinión pública. Por iso aproveito este espazo que tan xenerosamente me ofrece Entrepontes para romper unha lanza polas Humanidades.
Se me preguntasen que aportan ao home de hoxe os estudos de Linguas, antigas e modernas, Literatura, Historia, Filosofía, Artes,… eu respondería que en primeiro lugar, coñecemento e comprensión das ideas e obras que o ser humano produciu ao longo dos séculos, imprescindible si queremos comprender o mundo actual e os cambios que nel se operan. Non en balde o término latino humanitas designa á condición humana, e consecuentemente os mellores froitos desta: o saber, a cultura, as artes e as letras, en definitiva, o que é propio do homo, o ser humano, a persoa. Un patrimonio milenario que debemos coñecer, conservar e transmitir ás seguintes xeracións.
Respecto da utilidade ou inutilidade, é certo que a formación que proporcionan non está orientada a fabricar produtos de consumo, pero si a detectar necesidades, xestionar recursos e atopar as ideas que hai detrás das cousas. En moitos países europeos e en Estados Unidos cada vez son máis as empresas que buscan profesionais con estudos humanísticos no seu curriculum; incluso a Retórica, que se cría pasada de moda, inclúese nos plans de estudos das escolas de negocios. Nun mundo cada vez máis pragmático e mecanizado, os profesionais que marquen a diferenza serán os que ás funcións propias do seu oficio poidan engadir a versatilidade, o espírito crítico, a capacidade de expresión e a sensibilidade artística que aportan as Humanidades.
Noutra orde de cousas, non hai que esquecer o peso crecente do sector servizos no mundo laboral, e xa que logo mellores perspectivas de traballo en campos como bibliotecas, arquivos e museos, tradución e interpretación, editoriais, medios de comunicación, publicidade, xestión cultural, , restauración de obras de arte, ensino, arqueoloxía, entre outros.
Teño o convencemento de que todos os saberes son necesarios, todos son ramas da gran árbore do coñecemento humano, non se opoñen senón que se complementan. Ningún merece ser desprezado nin tachado de caduco ou inútil porque os seus froitos non se perciban de inmediato senón a longo prazo. Valoremos o estudo porque conduce ao saber, sen dúbida a materia prima máis preciosa e inagotable, a maior riqueza para o individuo e para a sociedade.