subscribe to the RSS Feed

Sunday, May 26, 2013

Mulleres Emprendedoras

Posted by mlorenzo on abril 27, 2010

Alumnas presentando os seus proxectos fin de ciclo no III Encontro de Emprendedores. / Foto: P. M.

 Mulleres Emprendedoras

Mª José Saborido

A primeiros do mes de abril deste ano terminabamos o Ciclo Superior de Administración e Finanzas e, como colofón ao mesmo, celebrouse no IES Campo de San Alberto de Noia un Encontro para Emprendedores, dedicado este ano á Muller Emprendedora. Para tal evento congregamos aos representantes do mundo empresarial e político do Concello de Noia e arredores. É por iso que o día 8 de abril de 2010 quixemos que a muller levase todo o protagonismo, xa que na maioría das ocasións o seu traballo e a súa dedicación desdebúxanse detrás da figura dun home que é o que, no 90% dos casos, leva os méritos.
Se hai algo que teño claro é que empezar desde cero é un gran desafío para calquera emprendedor, pero as dificultades multiplícanse por cen cando o emprendedor é unha muller. Empezar desde cero significa empezar tamén sen experiencia no manexo do que é unha empresa e moitas veces, sen coñecemento de administración dos distintos recursos que se deben manexar nun emprendemento. Non hai nada mellor que empezar desde abaixo, aprendendo con humildade e sen títulos que nos presionen e nos obriguen a presumir que sabemos o que a experiencia aínda non nos ensinou.

 Historicamente as mulleres non tiñamos acceso ao desenvolvemento de emprendementos, xa que só podiamos realizar tarefas domésticas e, cando excepcionalmente nos facíamos cargo dunha empresa, era por ser a señora ou a filla do dono. Ademais, tampouco tiñamos acceso aos estudos como hoxe en día, co cal non lograbamos capacitarnos.
Sen embargo, hoxe hai oportunidades para moitas mulleres, que a partir dun nivel de capacitación, un oficio, unha vocación, e unha motivación a toda proba, poidan comezar a súa propia empresa desde cero e non morrer no intento. É máis, as mulleres temos aptitudes naturais para administrar unha empresa, en contraposición do estilo xerárquico militar que era o tradicionalmente masculino.
O estilo feminino caracterízase por non impor o poder pola xerarquía, senón polo consenso, a motivación, a capacitación, a delegación, o traballo en equipo pola que graficamente se parece a unha rede.
É bo saber que erros se poden cometer, que riscos de iniciación teremos (o 80% dos emprendementos non superan o primeiro ano de vida, pero o 20% restante sobrevivirá nun 80% cinco anos). O importante é perseverar na aprendizaxe, permitirse equivocarse e corrixir, ser autocrítica e non paralizarse polo medo a facer.