Xuñ 01 2016

A xustiza avala o teledespedimento

Unha noticia publicada no xornal La Voz de Galicia dá a coñecer “o que lle sucedeu a un galego que traballaba para unha empresa andaluza de seguridade e que, apenas dous meses e medio despois de incorporarse ao persoal, recibiu unha chamada na que os seus superiores lle anunciaron a extinción do seu contrato eventual como delegado provincial da compañía. O motivo que lle deron para prescindir dos seus servizos foi que non superara o período de proba de tres meses previsto no seu contrato. Unha semana despois da chamada, recibiu un burofax no que lle comunicaban que podía pasar a recoller a liquidación dos días traballados pero non cobrados.

Despois dun intento errado de conciliación, o asunto (…) chegou aos xulgados onde, por dúas veces, déronlle a razón á empresa”. E agora, aínda que xa transcorreu algún tempo desde que tratramos en clase sobre as causas e forma de extinción do contrato de traballo, a noticia permítenos recordar algunha cuestión importante que daquela comentáramos, aproveitando para iso a opinión de Fabián Valero, o cal “sobre a motivación e as consecuencias deste fallo, (…) matiza que, cando o traballador está en período de proba, non se produce un despedimento, senón un desestimiento do contrato, que non é necesario xustificar. Só no caso de que se vulnerase algún dereito fundamental, como a liberdade relixiosa ou sindical, por exemplo, podería entenderse como un despedimento encuberto e anularse.

Tampouco hai, explica, requisitos formais sobre a comunicación ao empregado, que é polo que cre que neste caso se acepta que se faga por teléfono. Outra cousa é un cesamento ao uso que, recorda, si esixe a entrega dunha carta de despedimento motivada. Sen ela, pode recorrerse e solicitar a improcedencia do mesmo”.

Non existiu, polo tanto, despedimento. Este si que estaría sometido a uns estritos requisitos de forma para a súa comunicación, que no xulgado levarían aparellada a declaración de improcedencia se non se cumprisen.

Foto: Imaxe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia existente no portal web do Consello Xeral do Poder Xudicial

Mai 26 2016

O número de galegos que cobran a pensión máxima duplicouse en só cinco anos

Tal como se indica nunha noticia publicada por La Voz de Galicia, “en cinco anos, os máis duros da crise, a factura anual [das pensións que se pagan en Galicia] encareceuse un 18 %, a razón de cen millóns extra ao mes. E o salto vén non só polo aumento no número de pensionistas -principalmente xubilados- neste lustro, senón, sobre todo, polo maior importe das prestacións das novas altas.” Este feito, evidentemente, non se produce por casualidade: “Carreiras de cotización máis longas e soldos máis elevados explican este incremento das pensións”.

“Pero, ¿cal é o perfil do pensionista galego coa paga máis alta? O factor diferencial, sobre calquera outro, é o xénero. O 90 %, máis de 10.900 dun total de 12.100, son homes, a pesar de que estes supoñen apenas o 46 % dos pensionistas da comunidade (proba non só da brecha salarial que aínda persiste senón das maiores dificultades que se atopaban as traballadoras para ser dadas de alta). E case todos, un 92,5 %, xubilados. Sobre a súa vida laboral pasada, os datos da Seguridade Social demostran que os traballadores que cotizan polo réxime xeral son os que o teñen máis fácil para cobrar pensións altas. E é que, dos 271.500 pensionistas galegos que cando estaban en activo traballaban como autónomos (máis dun terzo do total), só 306 cobran máis de dous mil euros mensuais e apenas 156 teñen recoñecida a prestación máxima, apenas un de cada cen perceptores da paga máis alta na comunidade (1,2 %).”

Os datos, como sei viu, son elocuentes: dos pensionistas coa paga máis alta,o 90% son homes e só un 1% cotizaron como autónomos.”

Mai 18 2016

Rossel afirma que o traballo fixo e seguro é un concepto do século XIX

Foto: Juan Carlos Hidalgo / EFE

O xornal La Voz de Galicia publica a noticia de que “o presidente de CEOE  Juan Rossel, afirmou este luns que o traballo «fixo e seguro» é «un concepto do século XIX», xa que no futuro haberá que «gañalo todos os días».

Esas manifestación fíxoas o presidente da CEOE durante a súa intervención na presentación dun estudo sobre a transformación dixital, “na que considerou que a dixitalización será fundamental para o traballo, xa que «vai haber moitas sorpresas nun futuro inmediato». Intervención na que sinalou tamén que “o proceso de transformación dixital «cámbiao todo, no mundo dos negocios e no día a día das casas», e fai que «o que hoxe parece imposible, nunhas horas, días ou semanas pareza posible», polo que ve un gran «reto político, económico e social a nivel global».

Sen embargo, aínda que o obxectivo da intervención era tratar sobre os efectos que provoca na sociedade a transformación dixital de hoxe en día, o que acabou destacándose das súas declaracións foi o que aquí se levou ao titular, dada a súa condición de presidente da maior asociación empresarial española e a importancia esencial que os empresarios teñen para que o que afirma sexa así ou non o sexa tanto.

En calquera caso, cando en clase analizamos a evolución das relacións laborais, puidemos observar que durante o século XX, aínda bastantes anos del, se configuraban unhas relacións laborais nas que a idea da fixeza no traballo estaba presente, a pesar de ser un concepto dun século anterior, segundo Rossel.

Mai 11 2016

Patronal e sindicatos asinan o primeiro acordo para reducir a sinistralidade no mar

Foto: Simón Balvís

Ao tratar en clase da seguridade e saúde laboral, nunca deixa de facerse referencia á importancia da formación, para que a sinistralidade se reduza. Por iso, hoxe traemos aquí a noticia publicada no xornal La Voz de Galicia que se refire á subscrición dun acordo entre os axentes sociais que afecta a un sector que presenta as maiores taxas de sinistralidade laboral, e que incide na formación como un elemento esencial para facer fronte aos riscos existentes nese sector.

En efecto, “un acordo «histórico» é o que asinaron onte na sede do Instituto Social da Mariña (ISM), en Madrid, a patronal e os sindicatos do sector pesqueiro. Despois de seis anos xestándose -o borrador inicial data do 2010-, rubricaron o primeiro pacto en materia de prevención de riscos laborais, co que pretenden pór coto á elevada sinistralidade do traballo no mar.

Precisamente o director do ISM, Luis Casquero, que exerceu de anfitrión, recordou o «alto risco» do sector cos datos oficiais do 2014, que indican que a taxa de mortaldade na pesca «é dez puntos superior ao conxunto da de todos os sectores e está catro puntos por encima da que presenta a construción», outro dos ámbitos laborais máis perigosos.

De aí a importancia do convenio que asinaron os representantes da patronal (Cepesca), e dos sindicatos (CC. OO., UGT e CIG), e que ten como obxectivo «fundamental» a protección, formación, divulgación e promoción da seguridade e saúde dos traballadores que desenvolven a súa actividade no sector pesqueiro.”

“Trátase de chegar a todas as compañías, incluso ás máis pequenas, con programas de formación e propostas de solucións para diminuír os contratempos. (…) Porque aínda que o sector pesqueiro español mantivo un índice de accidentes laborais estable nos últimos anos fronte a outros sectores, a mortalidade con todo si creceu, pasando do 40,2 por cada 100.000 traballadores no 2006 a nada menos que o 91,4 este ano.”

Mai 04 2016

A Seguridade Social anula catro de cada dez baixas laborais que revisa

Unha noticia publicada esta semana no xornal La Voz de Galicia daba conta de que “á Seguridade Social hai tempo que non lle cadran as contas. Os ingresos por cotizacións sociais (menos de 100.500 millóns de euros o ano pasado) non chegan xa nin sequera para afrontar a nómina anual das pensións (que supera os 108.000), e aínda hai que sumar outros pagamentos recorrentes, como o das prestacións por incapacidade temporal. As baixas laborais custáronlle ao erario 6.158 millóns de euros o ano pasado, un 12,5 % máis que no 2014 e un 25 % máis do que orzara antes de comezar o exercicio.

Coas cifras na man, enténdese mellor o fervor (necesidade obriga) co que o organismo se entregou á loita contra a fraude, a mellor vía (…) para limar o seu déficit, que superou os 16.700 millóns o ano pasado. E é precisamente no ámbito das baixas laborais onde esa política ofrece os resultados máis rechamantes. (…) En catro de cada dez procesos detectaron algún tipo de fraude ou, simplemente, concluíron que a cousa non era tan grave como para que non se puidese acudir ao traballo.”

Ademais, entre as recomendacións “para seguir reducindo esta bolsa de infracción, o organismo defende «incrementar, aínda máis, os mecanismos de control e seguimento das prestacións, especialmente as de incapacidade temporal, a fin de evitar o absentismo inxustificado ou o seu uso como mecanismo alternativo ao desemprego ou a xubilación». Piden para iso potenciar os mecanismos de colaboración e control coas mutuas, ás que a última reforma do sistema xa ampliou os poderes de supervisión.”

Imaxe: M.M.M.

Abr 28 2016

Fagamos do estrés relacionado co traballo o noso reto común

“Os riscos psicosociais e o estrés relacionado co trabajo están recoñecidos na actualidade como problemas globais que afectan a todos os países, todas as profesións e todos os traballadores.

[Debido a iso,] é necesario abordar o estrés de orixe profesional para protexer a saúde e o benestar dos traballadores, así como a produtividade e a competitividade das empresas en Europa e en todo o mundo”.

O que acaba de reproducirse aparece publicado nunha noticia da páxina web da Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo, a cal colabora no Día mundial da seguridade e a saúde no traballo. Este día mundial conmemórase, desde hai anos, cada 28 de abril,  por iniciativa da Organización Internacional do Traballo (OIT).

Efectivamente, tal como apunta a Axencia europea, o tema elixido pola OIT para a campaña deste ano (“Estrés no traballo: un reto colectivo“) refírese ao estrés laboral, risco psicosocial que merece a debida atención pola súa amplísima incidencia, tal como ao principio se indicou.

 

Abr 13 2016

España é, tras Grecia, o país avanzado no que máis se reduciu a presión fiscal sobre o traballo no 2015

“Non son, precisamente, os dous Estados máis disciplinados de Europa á hora de cadrar as contas públicas e axustarse aos límites de déficit, pero Grecia e España foron os países da OCDE que máis afrouxaron a presión fiscal sobre o traballo o ano pasado, segundo o informe presentado este martes pola Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico.

Segundo esta, a cuña fiscal -a porcentaxe que representan os impostos sobre os salarios e as cotizacións sociais sobre o total do custo laboral que cada traballador lle supón ao seu empregador- era o ano pasado do 39,6 % en España, o que supón unha redución de 1,16 puntos respecto ao 2014. Así, dos 51.348 dólares que lle custaría á súa empresa un empregado medio ao ano (medidos en paridade de poder adquisitivo), 20.333 ingresaríaos o erario.

A información recóllese nunha noticia publicada por La Voz de Galicia, na que tamén se indica que “só Grecia, cunha rebaixa de 1,27 puntos, afrouxou máis a presión fiscal sobre o emprego. Aínda que, no caso grego, as máis aliviadas foron as empresas, xa que a parte do león desa redución realizouse nas cotizacións sociais que pagan os empregadores e que baixaron 0,92 puntos. No caso español, toda a rebaixa se concentra no imposto da renda, froito da entrada en vigor da reforma fiscal, que rebaixou os tipos do imposto e, con eles, as retencións que mes a mes se practican nas nóminas.”

De todos modos, a rebaixa fíxose trala suba impositiva producida ao pouco do acceder ao Goberno o actual presidente en funcións. E agora, “coa redución do ano pasado, a presión fiscal sobre o emprego en España volve a niveis similares aos que había antes da crise -era do 39 % no 2007-, tras ter alcanzado o seu máximo no 2014, cun 40,7 %.”

Abr 08 2016

Protección de Datos investiga ao fisco polo fallo de seguridade no portal da renda

No módulo de Empresa e iniciativa emprendedora, cando tratamos das obrigas fiscais das empresas, non deixamos de facer referencia ao Imposto sobre a renda das persoas físicas.

E cando tratamos dos trámites de posta en marcha das empresas, citamos a necesaria alta, ante a Axencia Española de Protección de Datos, dos ficheiros que conteñan datos de carácter persoal. Tales datos, que necesariamente as empresas deben manexar conforme o esixido pola lei, tamén deben ser preservados en condicións seguras polas administracións públicas. E resulta que o primeiro día da campaña da Renda deste ano, produciuse, polo que parece, unha grave entrega de datos non permitida, debido a un erro informático nos servizos da Axencia Tributaria.

Tal como se di nunha noticia publicada por La Voz de Galicia, “a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) xa foi informada do fallo informático no portal da campaña da renda que, este martes, e durante unhas horas, provocou que algúns contribuíntes que solicitaban unha copia en PDF do seu borrador de declaración, descargasen os datos doutros contribuíntes.

Fontes da AEPD confirmaron que iniciaron as actuacións previas para analizar se existen «elementos indiciarios suficientes» que recomenden abrir un procedemento de infracción, para o que dispoñen de doce meses.”

Por se a situación habida puidese levar aparellada unha sanción económica, “desde Gestha, sindicato de técnicos de Facenda, reclamaron á dirección da Axencia Tributaria que repercuta á empresa que implantou o sistema Renda Web a responsabilidade patrimonial polo seu mal funcionamento.”

Foto: Paco Rodríguez.

Mar 30 2016

O número de traballadores afectados por ERE en Galicia cae a niveis previos á crise

“Galicia pechou o 2015 cun número de traballadores afectados por expedientes de regulación de emprego (ERE) equivalente ao que se rexistraba antes da crise. Concretamente, 6.615 empregados, fronte aos 6.801 contabilizados no 2008. (…)

Os 6.615 do pasado ano supoñen practicamente a metade do 2014 e 3,5 veces menos que no 2013, cando se rexistraron case 23.000 afectados por expedientes.”

Tales datos, recollidos de información estatística facilitada polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social, aparecen nunha noticia publicada por La Voz de Galicia, na cal tamén se indica que “por modalidades, os despedimentos colectivos e as suspensións de contrato impactaron en 55 e 150 traballadores, respectivamente, o que se traduce en caídas do 63,8 % e do 40,5 % en Galicia. Por contra, si se incrementaron -nada menos que un 78,6 %- as reducións de xornada. Houbo 150 contabilizadas fronte ás 84 rexistradas en xaneiro do ano pasado.”

Foto: César Quian.

Mar 18 2016

A Lei xeral da Seguridade Social, en galego no BOE

Durante o día de onte, 17 de marzo, completouse a publicación do suplemento en galego do BOE correspondente ao 31 de outubro de 2015.

Dese modo, xa está dispoñible a versión oficial en galego do texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social, que foi aprobado polo Real decreto lexislativo 8/2015, do 30 de outubro.

Polo tanto, aínda que con atraso, xa está dispoñible no noso idioma esta norma que resulta esencial para tratar os contidos do módulo de Formación e orientación laboral referidos ao sistema español de seguranza social.

Lei xeral da Seguridade Social