0

A PORCA

XOGOS TRADICIONAIS GALEGOS

A porca é un xogo popular galego, que foi pasando de xeración en xeración ata nós, os rapaces e rapazas do CEIP Saco e Arce de Toén.

Dende que Lito, Vero e Silvia viñeron ao cole a ensinarnos como xogar, non paramos! Xogamos na clase de Ed. física e en tódolos recreos que podemos, a este, e a outros moitos xogos populares galegos.

Material: Un sacho para facer buratos na terra, paus de golf, hockey ou simplemente unha caxata de madeira e unha pelota pequena, preferiblemente de plástico, á que chamaremos porca.

Número de xogadores: De cinco cara arriba, pero hai que ter en conta que sempre hai que facer un burato menos ca xogadores haxa.

Lugar de xogo: Un lugar amplo, con terra e sen moitas pedras.

Desenvolvemento: Co sacho (ollo, coidadiño, ista parte terá que facela un adulto) facemos un burato máis ou menos grande onde poida coller a pelota, ao que chamaremos corte. Ídelo pillando? Porca, corte…

Como xa dixen antes, faremos un burato menos ca xogadores haxa ao redor do anterior (por exemplo, se xogan dez persoas, fanse nove buratos). Un xogador ou xogadora fai de porqueir@ e vaise fóra do “circuito” coa pelota. Recordade que cada xogador (incluído o porqueiro) ten unha caxata (pau, stick, dá o mesmo) na man. Os outros nove xogadores colocan a caxata no seu correspondente burato. No momento en que algún destes quite a caxata do seu burato, o porqueiro pode vir e quitarlle o sitio. Mentres a teña aí metida, ninguén pode quitarlle o sitio.

E comeza o xogo. O obxectivo do porqueiro é quitarlle o sitio a un dos outros xogadores. Este terá que ir empurrando a porca coa caxata, e ten dúas opcións:

1. Tentar que un dos outros xogadores tente despexarlle a pelota para que teña que correr por ela e, no momento en que saque a caxata do burato, quitarlle o sitio. Se non o consegue, tocaralle correr a pola porca.

2. Facer encestar a porca na corte, de maneira que terá que berrar CAMBIO! e cambiarse con alguén. Todos os xogadores deberán cambiar o seu sitio inicial. Aínda ninguén sabe por que, pero o porqueiro nunca perde cando berra isto.

O xogador que quede sen sitio pasará a ser o porqueiro.

Ei! Esquecéuseme a cousa máis divertida do xogo. Mentres o porqueiro tenta recuperar o seu sitio, os outros xogadores poden dicirlle cousas como PORQUEIRO!, PORCO!, DENTES TORCIDOS!, CABEZA TORTA! ou VACABURRO! Pero nada máis, eh? Non vaia ser que vos castiguen os profes!

Etiquetas: , , ,

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Copyright © 2011-2019 O Souto dos Laretas All rights reserved.
This site is using the Desk Mess Mirrored theme, v2.5, from BuyNowShop.com.