Valenìn Paz Andrade
Valentín Paz Andrade naceu o 23 de abril de 1898 en Lérez (Pontevedra) e morreu en Vigo o 19 de maio de 1987. Está enterrado no seu Lérez natal. Escolarizouse en Pontevedra e posteriormente estudiou a carreira de Dereito en Santiago. Foi sempre membro activo da vida universitaria. Nos seus tempos de estudiante inicia a súa aproximación ó galeguismo, guiado nos seus postulados teóricos polo feito que supuxo a creación das Irmandades da fala.
Aínda moi xove, Paz Andrade, evidencia un especial talento periodístico. Colabora en diferentes revistas como Grial, Outeiro ou O Ensino. Nos seus artigos aborda temas de lingua e literatura, dedicándolle unha especial atención á figura de Castelao, ó que coñece nesa época.
Foi mobilizado polo Desastre de Annual e enviado a África. Posteriormente, debido a unha infección, é evacuado á península e declarado inútil para o exército.
A partir de 1921 exerce de avogado en Vigo. Entre 1922 e 1926 dirixe nesta cidade o xornal Galicia, unha alternativa liberal e democrática que aglutinaba destacadas personalidades da vida e a cultura galegas, entre elas a Castelao, quen aportaba os seus debuxos e as súas caricaturas. En 1924 pasa dous meses na cadea de Vigo, por dous artigos que publicara. En 1957 volve outro mes á cadea. O xornal Galicia, co que xurdiu a gran escola de caricaturistas galegos, foi pechado pola dictadura de Primo de Rivera.
Milita no Partido Galeguista, na formación do cal participa. En 1931 preséntase con Castelao e Cabanillas ás cortes constituíntes, non saíndo elexido por unha diferencia de poucos votos. En 1934 é nomeado Secretario do Partido Galeguista, en substitución de Castelao, que fora desterrado a Badaxoz. En 1936 colabora na campaña polo Estatuto de Galicia. Nesta época asesoraba como avogado ás asociacións de armadores pesqueiros. Sofre dous atentados, o primeiro en Vigo, o segundo en Verín, onde fora desterrado logo do alzamento franquista. Trasládano despois á Serra de Queixa e Pobra de Trives, onde coñece a Pilar, coa que casa en 1939. Anos máis tarde regresa a Vigo, sen que ninguén lle comunicase o fin do seu desterro.
En 1940 nace o seu fillo Alfonso. Mantén contactos cos republicanos e despois da morte de Castelao en 1950 relaciónase cos emigrantes e exiliados galegos en Arxentina e intensifica a súa relación co mundo da pesca e a súa colaboración coa FAO. En 1976 e 1977, despois da morte do Dictador, representa a Galicia na “Comisión dos dez”, que negociou a transición co goberno español presidido por Adolfo Suárez, e nas eleccións democráticas que teñen lugar ese último ano foi elexido senador por Pontevedra dentro das listas da Candidatura Democrática Galega. En 1978 pronuncia o discurso de ingreso na Real Academia Galega, da que é membro desde 1964.
Valentín Paz Andrade, xa desde moi cedo, demostrou unha viva preocupación polos temas pesqueiros e pola máis xeral problemática socioeconómica de Galicia. Impulsor de Pescanova, empresa da que foi vicepresidente, e técnico da FAO, foi o primeiro especialista español proposto por esta organización das Nacións Unidas para misións internacionais en Hispanoamérica. Tamén, dentro deste eido, dirixiu a revista de economía e tecnoloxía Industrias pesqueras e é o autor do primeiro tratado sobre Principios de economía pesquera, editado pola FAO. Destaca tamén a súa faceta de conferenciante e participante en numerosos congresos internacionais da ONU sobre agricultura e alimentación.
YouTube Direkt
Deja tu comentario